VILAGARCÍA> Visto para sentanza o xuízo de Laureano Oubiña contra os produtores da serie Fariña. Esta mañá nos xulgados de Vilagarcía sentaron Atresmedia, a produtora Bambú e tamén Netflix por unha suposta intromisión no seu dereito ao honor, á intimididade e a propia imaxe. Na súa comparencia, os tres denunciados reiteraron insistentemente que a serie é unha ficción inspirada en feitos reais e que así se manifesta no inicio de tódolos episodios. A Fiscalía comparte ese argumento, solicitando que se desestime a demanda.
Isto foi o único que dixo á saída dos xulgados de Vilagarcía Laureano Oubiña ao remate do xuízo que sentou no banco dos acusados á produtora Bambú, Atresmedia e Netflix, por Fariña. O exnarcotraficante entende que esa serie atenta contra a súa honra, a súa imaxe e a súa intimidade.
Ramón Campos, representando a Bambú e Atresmedia, foi o principal testemuño do xuízo. Reiterou que a serie é unha ficción inspirada no libro Fariña de Nacho Carretero, por certo, testemuña ausente nesta xornada; así como en documentación de hemeroteca, audiovisuais e outras publicacións sobre narcotráfico.
Os avogados das tres entidades denunciadas encargáronse de reiterar estes argumentos, insistindo en que en cada un dos capítulos da serie se indicaba ao espectador que estaba a ver unha peza de ficción que partía duns feitos reais. Alegouse tamén que ao tratarse de feitos históricos, non precisaban do permiso de Oubiña para emprega-lo seu nome. Engaden ademais que el soubo aproveitarse do éxito da serie, coa publicación de libros ou a venda de merchandising.
Sobre as escenas que molestaron ao cambadés, indicaron que en ningún momento se dixera na serie que traficase con cocaína. Explicaron que a única caixa con cocaína que apareceu nunha das escenas era de Sito Miñanco engandando a Oubiña facéndolle crer que era tabaco.
No caso das escenas de carácter íntimo entre Laureano Oubiña e a súa dona Esther Lago, apuntaron que son unha dramatización e que, en todo caso, foi o propio denunciante o que relatara ao actor que o intepreteba, Carlos Blancos, algunha desas práctica, como poñer o teléfono debaixo do colchón cando mantiñan relacións, sabendo que estaba pinchado pola Garda Civil.
Pola súa banda, o avogado de Oubiña reclamou unha indemnización de un millón e medio de euros. O letrado cre que a ficción foi máis alá, vinculando ao seu cliente con feitos que non son certos e que lle provocaron danos. A base da denuncia parte dun artigo da Lei de Protección de Marcas, de protección dun nome. O avogado tira de exemplo.
Pola súa banda, a fiscalía, que só interveu na quenda de conclusións, entende que a serie non supuxo atentar contra o honor de Oubiña, apoiando, do mesmo xeito que fixeron as tres empresas denunciadas, a liberdade artística e creativa amprarada no artigo 20 da Constitución. O xuízo quedou visto para sentenza.