Aumentan as exportacións da D.O. Rías Baixas a pesar dos aranceis de EEUU, o Brexit e a Covid

PONTEVEDRA> Aumenta o volume e o valor das exportacións da Denominación de Orixe Rías Baixas. Así o confirmaron hoxe o conselleiro do Medio Rural e o presidente do Consello Regulador nunha rolda de prensa celebrada en Pontevedra. Ademais, por primeira vez, as ventas no mercado interior superan ás realizadas en EEUU.

A D.O. Rías Baixas conseguiu aumentar as exportacións durante a campaña 2019/2020. Fíxoo nun 5,78% en volume e nun 4,34% en valor. Dito doutro xeito, as exportacións, dende o 31 de agosto de 2019 ata o 1 de setembro de 2020, ascenderon a 8 millóns de litros de viño e 45 millóns de euros.

Aínda que o prezo rexistrou unha caída de 0,07 euros respecto á campaña anterior, o prezo medio do litro vendido situouse por riba da media nacional, alcanzando os 5,54 euros. Ademais, das 170 adegas que integran actualmente a D.O., 107 apostaron pola exportación.

EEUU segue sendo o mercado internacional máis potente dentro desta D.O. E todo a pesar dos aranceis que existen neste momento no continente americano. Por iso, dende o Consello Regulador miran de esguello o que acontecerá coa elección de Biden como presidente.

Por primeira vez, nesta campaña as ventas en volume de litros de viño no mercado interior superan ás do continente americano. Isto foi o resultado do traballo realizado dende a D.O. para adaptarse, por exemplo, á situación derivada da Covid.

Tras estes datos, o Consello Regulador prepara xa a campaña de Nadal, unha época fundamental para esta D.O. e que estará marcada, sen dúbida, pola pandemia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí