Noia quenta motores para a súa cita máis tradicional

    NOIA> Noia prepárase para vivir esta vindeira fin de semana a súa festa de maior sona: o San Marcos. Un dos pratos fortes destes festexos será a tradicional feira cabalar, que se celebrará este próximo sábado 25 de abril. A organización desta cita, que cada ano está a recuperar maior protagonismo, volverá a ser a Asociación Pura Raza Cabalo Galego. As festas de San Marcos arrancarán este próximo venres cun amplo e variado programa deseñado para atender a todo tipo de públicos, tanto pequenos coma maiores. Aínda así do cartel unha das actividades que máis sobresae é a feira cabalar, que terá lugar este próximo sábado 25 de abril. Nos últimos anos o concello vén realizando unha aposta importante por esta festa, tratando de recuperala debido á súa gran tradición. Precisamente dende hai catro anos a organización da feira corre a cargo da Asociación Pura Raza Cabalo Galego. O seu presidente Xacobe Pérez, quixo agradecer ó concello noiés o gran esforzo realizado para que esta feira cabalar vaia a máis. Xacobe Pérez foi tamén o encargado de debullar o programa da feira, con tódalas actividades previstas para ese día, destacando os concursos morfolóxicos de cabalos de pura raza galega puntuables para a Copa Galicia, así como tamén de cabalos e eguas cruzados, e de poldros e cabalos e eguas de pura raza árabe . A estas actividades, que terán lugar no campo de San Lázaro, sumaránselle outras, como é o caso de varios espectáculos ecuestres, o primeiro deles a presentación do novo espectáculo ecuestre da Asociación Pura Raza Cabalo Galego titulado ‘Camiño de Santiago’ e o segundo a cargo da compañía leonesa ‘Mirantes’ que ofrecerá un combinado de exercicios de doma e volteo. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/04abril/22/festassanmarcosnoia2204151.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/04abril/22/festassanmarcosnoia220415.mp4{/flowplayer}