O III Ultratrail do Barbanza contará con dous percorridos de 25 e 50 km

    RIBEIRA> A comarca volverá a acoller unha nova edición da Ultratrail Barbanza. Será o próximo dous de maio. A organización corre a cargo novamente da asociación Arousa Natureza e Ocio, que conta coa colaboración de diversas entidades, entre elas a propia Mancomunidade de Municipios Arousa Norte. Hai uns días presentábase oficialmente a terceira edición da Ultratrail do Barbanza, unha proba que co paso dos anos se está a converter xa en todo un clásico no panorama deste tipo de carreiras de fondo de longa distancia, non só a nivel autonómico, senón tamén nacional. A boa organización das carreiras disputadas ata o de agora, así como a beleza da paisaxe pola que discorre, son a mellor publicidade posible para unha proba que se disputará o próximo dous de maio. A edición deste ano contará ademais con importantes novidades. Terá dous percorridos máis curtos que os deseñados en anteriores edicións, de 25 e 50 quilómetros, un feito que de seguro atraerá a maior número de participantes. A saída estará de novo marcada no camping da Cascada, en Oleiros, para posteriormente iniciar un percorrido que levará ós participantes a ter que pasar pola práctica totalidade dos concellos da comarca. Na presentación da proba contouse ademais coa participación do atleta vigués Alejandro Gago, gañador das dúas edicións disputadas ata o de agora, un dos máximos favoritos a levarse a vitoria tamén nesta. A organización da proba corre a cargo do colectivo Arousa Natureza e Ocio, que conta coa colaboración da Mancomunidade Arousa Norte, así como outras entidades patrocinadoras.