El Drogas, Soziedad Alkoholika, Heredeiros da Crus e Arrytmia no ‘Castelo Rock’15’

MUROS> A organización do Castelo Rock en Muros adiantou parte do cartel de grupos que actuarán este ano no festival, a celebrar os días sete e oito de agosto na praia do Castelo. Á falla aínda duns catro meses aproximadamente para a celebración da duodécima edición do Castelo Rock, que terá lugar este ano os días sete e oito de agosto, a organización deste festival, xa un referente na comarca e fóra dela, adiantou parte do programa previsto para esas datas. Trátase de El Drogas, Soziedad Alkoholika, Heredeiros da Crus e Arrytmia, catro bandas que se seguro atraerán a numeroso público ata a praia do Castelo. Na presentación deste adianto do cartel do castelo Rock tamén tomaron parte representantes do propio executivo que colabora tamén co festival. A alcaldesa, Caridad González, fixo alusión ó elevado nivel dos grupos que participan cada ano, circunstancia que fai que o certame vaia adquirindo maior repercusión, non só na comarca e en Galicia, senón tamén no ámbito nacional. Dende a organización destacaron tamén a axuda que presta o concello muradán con este festival, xa que sen a súa colaboración sería practicamente imposible poder desenvolvelo. Os bonos para o festival xa están a venda podéndose retirar a un prezo de 12 euros para as dúas xornadas. Para máis información os interesados poden visitar a páxina web oficial do festival: www.castelorock.com.