Rapaces do IES de Meaño reflexionan sobre a identidade de xénero a través dun mural

MEAÑO> No Instituto de Meaño, a arte urbana chegou para quedar. Un grupo de alumnos de cuarto da ESO participa estes días na creación dun mural no patio do centro. A actividade busca tamén transmitir valores ós rapaces. De feito, a obra é o resultado dun fondo debate sobre a identidade de xénero.

Tanto ten home que muller. Ese é, en esencia, o espírito deste mural que dende agora vai decora-lo patio do IES de Meaño. A Actividade forma parte do DepoRúArte da Deputación de Pontevedra, un programa no que a arte urbana e a transmisión de valores van da man.

De feito, antes de colle-los pinceis, este grupo de mozos tivo que debater sobre os temas que máis lle preocupaban. O resultado? Un mural protagonizado por unha personaxe neutra, sen xénero, ou home e muller ao mesmo tempo, depende como se mire. Ó seu carón, un comecocos, rillando nos prexuízos e estereotipos da nosa sociedade.

O proxecto está sendo coordinado por Noemí. Ela encargouse de xuntar tódalas ideas dos mozos e mozas para, despois, darlle forma ao mural.

Esta é a primeira toma de contacto deste grupo de alumnos coa arte urbana, un xeito de tomar como propio un espazo público. A iniciativa serve tamén para dar a coñece-lo seu valor como ferramenta social e de cohesión comunitaria. Polo que nos contan, a experiencia estalles gustando.

Nesta terceira edición, o DepoRúArte vai percorrer 10 centros da provincia de Pontevedra.