15 persoas desempregas formáronse no curso de xestión de almacén da Mancomunidade do Salnés

CAMBADOS> Este venres rematou o curso de xestión integral de almacén que impulsa a Mancomunidade do Salnés dentro do seu programa de emprego. A formación incluíu prácticas en sete empresas da comarca para coñecer en profundidade o sector. Un total de 15 alumnos participaron nesta acción formativa centrada no almacenamento, subministro e loxística.

A recepción e almacenamento de mercadorías, a xestión de inventarios, a preparación de pedidos ou o envío de produtos non agochan ningún segredo para este grupo de alumnos. Son en total 15 as persoas que participaron neste curso de xestión integral de almacén, impulsado pola Mancomunidade do Salnés, e que este venres chegou á súa fin.

En total, 125 horas dunha formación completa, con contidos teóricos, pero tamén visitas a distintos centros e prácticas en sete empresas da comarca.

Este curso forma parte do Plan Integrado de Emprego do organismo comarcal.

No programa integrado de emprego do Salnés invístense uns 250.000 euros, dos que a Xunta achega 220.000 euros e os concellos da comarca, o restante.

Nas próximas semanas darán comezo nove cursos máis. Entre eles, carnicería, soldadura, ciberseguridade e varios de inglés ou informática.