Satisfacción ante a inminente ampliación do Museo do Mar de Noia

    NOIA> O executivo noiés aprobou unha partida de trescentos cincuenta mil euros para a ampliación do museo do mar. Executarase un edificio de catro plantas no inmoble anexo ás actuais instalacións que permitirá expoñer ó público moitos dos fondos que na actualidade permanecen almacenados por falla de espazo. A asociación Mar de Noia que leva doce anos traballando pola posta en valor do patrimonio marítimo acolleu con enorme satisfacción a materialización do compromiso do executivo de ampliar o museo coa aprobación dunha partida orzamentaria de trescentos cincuenta mil euros. O proxecto, que está en fase de exposición pública, contempla un edificio de catro plantas no solar anexo ó actual museo. En total, habilitaranse douscentos cincuenta metros cadrados para exposicións, suficientes para dar cabida á maior parte dos fondos museísticos. Nas actuais instalacións, tan só é posible amosar ó público o vinte e cinco por cento da colección. Ademais da inxente cantidade de fondos catalogados, o museo do Mar destaca polo seu gran dinamismo. Aínda que tan só permanece aberto ó público os xoves e os domingos, durante toda a semana se realizan visitas guiadas, especialmente de escolares xa que a colección presenta un marcado carácter divulgativo. O obxectivo de Mar de Noia é aumentar incluso as actividades que oferta o museo unha vez se traslade ás novas instalacións.