Varela propón bonificacións a emprendedores e un viveiro de empresas municipal

    VILAGARCÍA> O alcaldable socialista de Vilagarcía adiantou hoxe as medidas que leva no seu programa en materia de emprego. Aínda que recoñeceu as limitacións da administración local neste eido, Alberto Varela defendeu que os concellos poden facer máis para paliar o paro dos seus veciños. Plans de formación, apoio aos emprendedores e a xa coñecida cláusula social nos contratos coas empresas, son as súas principais propostas.

     

    Alberto Varela aposta pola posta en marcha de políticas para paliar o paro dende a administración local. No seu programa, o alcaldable socialista inclúe medidas como o apoio aos emprendedores, que vai dende as bonificacións fiscais ata a creación dun viveiro de empresas municipal.

    Outra medida para apoiar os proxectos incipientes pasa por poñer en contacto a empresarios xa establecidos cos que comezan a abrirse un oco no mundo empresarial.

    Ademais destas liñas de apoio aos emprendedores, o alcaldable socialista aposta por impulsar programas de formación. Varela recoñeceu o traballo doutras administracións neste eido, pero advertiu de que dende o concello non se destinou ningunha partida a estas iniciativas.

    As propostas dos socialistas completaríanse coa xa coñecida cláusula social nos contratos do concello, pola cal nas contratacións públicas primaríanse as empresas que melloren as condicións dos seus traballadores.

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/04abril/30/psoe_villa_emprego.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/04abril/30/psoe_villa_emprego.mp4{/flowplayer}