Lórix e Mosquérix, os heroes nacionalistas que defenden Pontevedrum dos PPromanos

PONTEVEDRA> A principal ferramenta da campaña do BNG en Pontevedra será un cómic. A banda deseñada creada polo debuxante Kiko Dasilva converte a Miguel Anxo Fernández Lores e a César Mosquera en Lórix e Mosquérix, dous heroes galos que loitan para defender a Pontevedrum da conquista dos PPromanos. Os nacionalistas recoñeceron o arriscado da proposta, pero ven nela un xeito de achegar a política aos veciños que, normalmente, non se preocupan dela.

Pontevedra é un oasis para o BNG, a única cidade na que os nacionalistas manteñen o goberno. Para a campaña veñen de convertela en Pontevedrum, unha apracible cidade poboada por irredutibles galegos que resiste á ocupación do imperio Ppromano. 

Fernández Lores e Mosquera son Lórix e Mosquérix, que se meten na pel dos heroes galos Asterix e Obelix. Nas súas aventuras terán que enfrontarse a Moreirum, centurión dos exércitos PPromanos que quere conquistar a cidade axudado por Abalum, o único que lle permanece leal. Na historia tamén aparecerá Agustinus, líder dos socialistum hispánicus, que sempre se esconde cando Pontevedrum precisa axuda.

 Este cómic será a principal ferramenta dos nacionalistas na campaña, que xa decidiron amenizar cun rap. Buzonearase pola cidade para chegar aos fogares, cunha visión da política que definiron como vivaz, retranqueira e aguda.

O cómic tamén pensou nos veciños máis convencionais. Ademais das doce páxinas da historieta de Lórix e Mosquérix, na outra cara recóllense a candidatura e os principais piares da campaña nacionalista en Pontevedra.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/05maio/05/almorzo_bng_pontevedra.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/05maio/05/almorzo_bng_pontevedra.mp4{/flowplayer}