PORTO DO SON> O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, achegouse esta mañá a Porto do Son para asinar co alcalde da localidade, Luís Oujo, o convenio de colaboración para a reforma do actual centro de saúde da localidade.
As dúas Administracións asumirán o 50% do total do custe da actuación, cun orzamento duns 43 mil euros. As obras consistirán basicamente na impermeabilización da fachada traseira do edificio para evitar as continuas filtracións.
Segundo sinalou o propio Conselleiro será un pequeno lavado de cara mentres avanzan na tramitación do que será o futuro centro de saúde da localidade, que será construído nunha parcela de titularidade municipal entre o actual Concello e a casa de Cultura, na zona da Atalaia.











