Salnés, Barbanza e Muros Noia contarán este ano con 35 praias azuis

    SALNÉS/BARBANZA> Sanxenxo mantense un ano máis como o municipio de Galicia con maior número de distintivos en areais, doce, malia que Caneliñas e Paxariñas perderon este ano a bandeira. Séguenlle no ranking O Grove e Boiro, os dous municipios con seis praias distinguidas. Ribeira repetirá con Coroso, Río Azor e O Vilar, mentres que A Pobra e A Illa fanse con dúas distincións cada unha. En Porto do Son, só Caveiro terá bandeira azul e en Muros San Francisco. Á marxe das praias, estes concellos contarán con máis selos azuis. Sanxenxo repite bandeira co Porto deportivo Juan Carlos I, o Club Náutico de Portonovo, o Centro de Interpretación As Telleiras e suma por primeira vez o título de sendeiro azul para o treito litoral entre o núcleo urbano e Portonovo. A Mariña de Cabo de Cruz terá de novo bandeira azul, ó igual que o Centro Social de Boiro, co título de Centro Azul e o Sendeiro Litoral do Municipio. O Porto de Pedras Negras do Grove mantén un distintivo que tamén ondeará no Porto deportivo de Vilanova e no Club Náutico de Portosín. A Axencia de Sostenibilidade de Muros terá tamén catalogación de Centro Azul, ó igual que o CIRA de Vilagarcía e o Centro de Interpretación da Conserva da Illa. Este último municipio contará ademais coa Senda Perimetral Bao-Xastelas entre a Rede de Sendeiros Azuis, mentres que Ribeira colocará tamén distintivo azul no Club Náutico e no Centro de Interpretación Arqueolóxica do Parque Periurbano de San Roque.