Continúa o peche da campaña en Noia por mor da marea vermella

NOIA> As últimas mostraxes realizadas polo pósito noiés evidencian un incremento notable dos niveis de toxina. Os resultados das mostraxes realizadas nas últimas horas, tanto no laboratorio privado, co que traballa a confraría noiesa, como tamén as remitidas ó Intecmar, indican que a toxina continúa na Ría. E, é máis, en niveis elevados, polo que a actividade extractiva nos bancos marisqueiros do pósito continuará paralizada. Antes de coñecer o resultado das análises, o patrón maior en funcións, Santiago Cruz, mostrábase confiado nunha evolución positiva, que permitirse a volta ós areais, aínda que finalmente esta posibilidade non se deu. Santiago Cruz aludía a este novo revés para os mariscadores, pasadas escasas semanas do inicio da actividade extrativa e cuxo balance non estaba a resultar tan mal do agardado. Durante as próximas horas seguiranse a tomar novas mostras para seren analizadas á espera dun cambio, que posibilite que os produtores poidan volver de novo ó seu traballo.