José Carlos Eirín opta por non declarar pero asegura que ‘non sabía quen ía dentro do coche’

PONTEVEDRA> A Audiencia Provincial de Pontevedra acolleu hoxe a primeira sesión do xuízo polo crime de Jessica Méndez, acontecido o 17 de marzo de 2022 en Barro. Na bancada sentou o único acusado, José Carlos Eirín. El conducía o coche que se empotrou contra o de Jessica, cando ela agardaba para incorporarse á Nacional 550. O choque causoulle feridas de gran relevancia que lle provocaron a morte unhas horas despois.

Ante o xurado popular, Eirín asegurou que non sabía quen viaxaba no vehículo e que non puido facer nada para evitar a colisión. Despois acolleuse ao seu dereito a non declarar.

A súa defensa insiste en que a colisión non foi intencionada. E reduce o suceso a un accidente de tráfico, provocado por unha perda de visión derivada do consumo dun fármaco.

Esta tese é radicalmente oposta á da Fiscalía e á que defenden as dúas acusacións particulares, que representan á familia e á parella da vítima. Consideran a José Carlos Eirín responsable dun delito de asasinato con aleivosía. Cren que o choque foi intencionado e que a violencia do impacto, directo na porta da condutora, impediu que a vítima tivera posibilidade de reaccionar para evitalo. E engaden o agravante de xénero. Aseguran que Eirín levaba anos acosando a Jessica e que empotrou o seu vehículo contra o dela pola indignación que lle provocou que rexeitara manter unha relación sentimental con el. Fiscalía e acusacións piden para el unha pena de 24 anos de cadea.

Ás portas da Audiencia Provincial, un grupo de veciños de Verducido reclamaban xustiza para Jessica.

 

O xuízo retomarase mañá pola mañá coas declaracións de dezanove testemuñas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí