BARBANZA> O paro afectará ós traballadores da empresa Consignacións Barbanza. A falta de acordo para regularizar as condicións laborais é o eixo central do conflito. A convocatoria parte dos sindicatos CIG e UXT.
O vindeiro luns, día 9, con carácter indefinido nunha primeira instancia e de forma parcial con paros de dúas horas diarias, os traballadores de Consignacións Barbanza, unha das principais empresas dedicadas á estiba e desestiba que operan nos portos de Ribeira e Pobra do Caramiñal, irán a folga. As principais reivindicacións xorden da falta de acordo para a regulación legal das relacións laborais, que si están reguladas mediante convenio colectivo nas outras dúas empresas que operan nestes dous peiraos.
As melloras nas condicións laborais, e sobre todo salariais, de organización do traballo e en materia de prevención de riscos laborais son o eixo do convenio colectivo que se reivindica pola parte social.
A folga afectará indirectamente a empresas transportistas e industria conserveira, posto que se verá comprometido a subministración regular de túnidos a granel e afectará tamén ás empresas consignatarias de buques e navieiras nos traballos que realizan nestes dous portos.