Dieste: ‘As experiencias de bipartitos e tripartitos non foron positivas para Boiro’

BOIRO> En Boiro a perda de dous concelleiros  por parte do Partido Popular abre a porta a un posible goberno de esquerdas. Iso si, para facelo, deberán porse de acordo, como mínimo, catro formacións: Partido Socialista, BNG, Boiro Novo e Iniciativa Cidadá.

En Boiro, o novo escenario resultante tralas eleccións do pasado domingo apunta a un cambio de goberno. A perda da maioría absoluta apearía ós populares da alcaldía tras oito anos á fronte da corporación municipal. O actual alcalde en funcións, Xoán Xosé Dieste, trataba de explicar a baixada de votos sufrida en tódalas mesas, e as razóns que os levaron á perda de dous concelleiros en favor do Partido Socialista. Unha delas foi que non conseguiron mobilizar a todo o seu electorado, confiado na vitoria. A outra podería ser a presenza dun novo candidato no PSOE.

Dieste aludiu tamén a posibilidade de que un cuatripartido formado polo Partido Socialista, agora o maior grupo da oposición con cinco edís, BNG con dous, e Boiro Novo e Iniciativa Cidadá de Manuel Velo, con un concelleiro cada un, chegasen á alcaldía. Segundo el as experiencias vividas en anteriores etapas non foron positivas.

Ante isto Xoán Xosé Dieste postúlase para liderar un goberno en minoría, tratando de gobernar para todos, poñendo a Boiro por diante das ideoloxías.