Marea impón condicións ó PSOE para apoiar a investidura de Paz

    NOIA> Marea Cidadá de Noia non integrará o goberno de Noia. Sen embargo, a nova formación apoiará a investidura do candidato socialista, Miguel Paz, sempre e cando o PSOE asuma unha serie de compromisos. A transparencia, o control do gasto e o fomento das políticas sociais compoñen o decálogo imposto pola Marea. Á espera de que se produzan os primeiros contactos entre os grupos políticos, a identidade do futuro alcalde de Noia é toda unha incógnita. A lista máis votada, a dos populares encabezados por Santiago Freire, quedou a un escano da maioría absoluta. A súa intención é manter contactos, ó longo desta semana, con tódolos grupos a excepción do PSOE. Néganse sequera a sentarse cos socialistas pola acusacións de presuntos cobros irregulares de dietas realizadas en contra do candidato do PP durante a campaña. Os únicos que xa expuxeron claramente a súa postura son a Marea Cidadá que, trala asemblea celebrada este domingo, amosaron a súa disposición a apoiar a investidura do candidato do PSOE pero sen entrar a formar goberno. Supeditan a súa decisión ó cumprimento dunha serie de compromisos por parte dos socialistas. Entre eles, que se destine o vinte por cento do gasto anual á ría, a publicación das contas municipais a través da web do concello e un límite do gasto anual en dedicacións exclusivas que non sobrepase os cincuenta e catro mil euros. Outras das súas condicións refírense ós procesos de contratación pública. Esixirán que aquelas adxudicacións superiores a dez mil euros pasen por unha mesa de contratación e a revisión dos procedemento de emprego público que non respectases os criterios de mérito, capacidade e igualdade. No eido social, esixen que se garantan as necesidades básicas dos cidadáns e que se traballe en prol da conciliación. En materia de turismo e festas, os membros da Marea tamén impoñen unha serie de propostas: a creación dun departamento de turismo no primeiro ano do mandato, a substitución da Feira de Abril por unha feira intercultural e a eliminación de festexos que supoñan un maltrato animal. Unha vez analizado este decálogo de propostas, os socialistas consideran que existen puntos en común. Coinciden cen por cento na necesidade de mudar a forma de facer política cara unha xestión cada vez máis transparente. Sen embargo, entenden que hai cousas que matizar polo que manterán unha xuntanza cos militantes previa ás reunións coas outras forzas que se iniciarán esta semana. Pola súa banda, o BNG mantén arestora unha asemblea cos militantes para tomar unha decisión aínda que, de entrada, si se amosan favorables a integrar un goberno de coalición alternativo ó PP. Falta por coñecer a postura de Noieses Independentes Agrupados que, cos seus dous concelleiros, podería ser clave para a formación de goberno. A candidata da formación, Marisol Villar, indicou que as negociacións non se iniciarán ata a vindeira semana.