O BNG apoiará a investidura de Xosé Lois Piñeiro

POBRA> Aínda así os nacionalistas rexeitan a posibilidade de formar parte do futuro goberno municipal. Despexada unha das incógnitas que se mantiñan dende o pasado 24 de maio, nada máis coñecerse os resultados electorais. Xosé Lois Piñeiro, de Nós Pobra será o próximo alcalde da Pobra do Caramiñal. Farao grazas ó apoio do BNG, que despois de varias reunións con eles, decidiu apoiar a súa investidura o próximo 13 de xuño. Aínda así os nacionalistas acordaron non formar parte dese goberno municipal de ‘concentración’ que formarían estas dúas forzas e o Partido Socialista, que si deu o seu visto bo. Os nacionalistas xa lle trasladaron a Nós Pobra a súa decisión, co compromiso de contribuír á gobernabilidade do concello mediante o desenvolvemento de acordos puntuais baseados nos obxectivos incluídos nos programas de ambas formacións.