O alcalde saínte defende a súa lexitimidade para seguir executando obras

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/06xuno/04/obras_obelisco_vilagarcia.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/06xuno/04/obras_obelisco_vilagarcia.mp4{/flowplayer}

VILAGARCÍA> Nin a última hora nin con improvisación. Tomás Fole defende a súa decisión de devolver o obelisco á praza de Galicia, a menos de dez días da súa saída da alcaldía. O aínda rexedor defende que era unha actuación que xa estaba en marcha, e insiste na lexitimidade do seu goberno para levala adiante. Asegurou, tamén, que non será a única decisión que se tome neste tempo.

Tomás Fole seguirá levando adiante proxectos ata o último día do seu goberno. Ante as críticas dos demais partidos por facer obras a menos de dez días de deixar o cargo, o aínda alcalde defende que eran actuacións que xa estaban en marcha.

A última polémica veu dada polo mandato de devolver o obelisco á praza de Galicia. O traballo de restauración na Escola de Canteiros e a espera do visto bo de Patrimonio, atrasaron o proxecto.

Mentres, os vilagarciáns parecen alleos a esta polémica entre alcalde entrante e saínte.

Para o rexedor en funcións, este é un xeito de crear polémica onde non debería habela. E apuntou a que o seu goberno deixará orzamento para realizar novas actuacións que porá en marcha, ou non, o novo executivo.

Fole negou calquera tipo de improvisación, insistiu en que seguirá adiante con obras xa en marcha e compromisos adquiridos, e pediu ao futuro goberno vilagarcián que non se precipite á hora de paralizar traballos xa iniciados.