Congalsa homenaxea a Ramón Doval con motivo da súa xubilación

RIBEIRA> A familia de Congalsa despediu hoxe a un dos seus traballadores máis carismáticos, o responsable de Relacións Externas, Ramón Doval, pola súa xubilación. Amigos, familiares e compañeiros rendéronlle hoxe unha homenaxe nun emotivo acto de despedida. Trinta anos de dedicación profesional ben valen a despedida que os compañeiros e amigos de Congalsa lle brindaron ó responsable de Relacións Externas, Ramón Doval. Preto de duascentas persoas quixeron sumarse a este emotivo acto en recoñecemento do seu labor profesional como mellor embaixador da empresa ó longo de todos estes anos. Ademais de compañeiros, amigos e familiares, Ramón Doval recibiu o cariño de numerosas entidades do tecido asociativo da comarca que sempre atoparon nel o mellor aliado para desenvolver proxectos en beneficio da sociedade. É o caso das Fundación Amigos de Galicia ou AMBAR, cuxa presidenta destacou o apoio par a poñer en marcha o proxecto ‘Vela para todos’. Tamén as autoridades estiveron presentes na homenaxe, coa presenza do alcalde de Ribeira que lle entregou unha réplica do escudo do concello, e da Conselleira do Mar, quen lle fixo chegar unha carta do presidente da Xunta. O acto concluíu cunhas palabras do homenaxeado quen, visiblemente emocionado, despediuse coa satisfacción de ter formado parte da gran familia de Congalsa. Agora, tras décadas de dedicación encarnando os valores da empresa, Ramón Doval afrontará unha nova etapa desfrutando dunha máis que merecida xubilación rodeado da súa gran familia.