O PSOE de Muros someterá a proposta de CxG ó ditame da asemblea

    A tan só cinco días de que se celebren os plenos para a constitución das novas corporacións locais, aínda hai moitos concellos que non conseguiron acadar pactos para formar goberno. É o caso de Muros onde Compromiso por Galicia ten a chave para investir ó futuro alcalde. Na asemblea mantida por Compromiso por Galicia, os militantes desbotaron rotundamente un pacto co Partido Popular, a lista máis votada. Pola contra seguen abertos a negociar co Partido Socialista sempre e cando se cumpra a condición esixida dende un principio: a renuncia irrevogable da actual alcaldesa Caridad González. Tamén esixen que ningún dos outros tres edís que conformaron o actual executivo poida acceder á alcaldía ó longo de toda a lexislatura. De acceder os socialistas, a formación encabezada por María Xosé Alfonso trasladaríalles tamén un código sobre transparencia, austeridade e boas prácticas que deberían aceptar para integrar un goberno de coalición. Unha vez feita pública a postura de Compromiso que, insisten, non é negociable, a pelota está agora no tellado do PSOE. A asemblea socialista reunirase mañá a última hora da tarde para tomar unha decisión que posteriormente lle trasladará á dirección provincial do partido. Pola súa banda, a alcaldesa Caridad González non tomará unha decisión con respecto á súa posible marcha ata someterse ó ditame da asemblea que será quen teña a última palabra.