RIBEIRA> Un ano despois do seu inicio, as concentracións convocadas polos veciños de Corrubedo demandando un médico para a parroquia chegaron á súa fin. Na actualidade xa contan cunha doutora a tempo completo aínda que non é a titular da praza polo que xa advirten de que permanecerán vixilantes.
Xoves tras xoves, os veciños de Corrubedo saíron á rúa durante un ano enteiro demandando o mantemento dun servizo médico completo no seu centro de saúde. A baixa do médico titular motivo a ausencia dun facultativo durnate xornadas enteiras que se cubría soamente de xeito parcial varias horas a semana. Finalmente, o SERGAS procedeu á cobertura da vacante cunha doutora que dende hai uns días exerce a tempo completo polo que os veciños protagonizaron hoxe a súa última concentración.
Estiveron acompañados, ó igual que nas anteriores protestas, de membros do equipo de goberno que xa mentres estaban na oposición apoiaban esta reivindicación.
Aínda que a situación está normalizada, os veciños son conscientes de que a profesional que se acaba de incorporar non é a titular da praza polo que estarán vixilantes para que non se volvan producir incidencias no servizo. Fan un chamamento ademais ós veciños que non estean adscritos ó centro da saúde da parroquia para alcanzar as 700 tarxetas sanitarias inscritas que garantirían de cara ó futuro a presenza dun médico a tempo completo.