A Fundación RIA traballa nun estudo para a humanización da rúa Principal de Boiro

BOIRO> No seu interese por humanizar as principais vías que artellan a comarca do Barbanza, a Fundación RIA está a realizar un estudo sobre a rúa Principal de Boiro. Os técnicos da entidade mantiveron un encontro cos veciños para identificar as principais necesidades deste espazo público que foi perdendo protagonismo co paso dos anos.

A pesar de constituír unha das principais vías de comunicación do concello boirense e do seu valor histórico, a rúa Principal de Boiro leva anos sen ser obxecto dunha actuación en profundidade. Por esta razón, a fundación RIA está a levar a cabo un estudo para humanizar a zona, cunha proposta moi semellante á da travesía de Palmeira.

O primeiro paso para elaborar un anteproxecto é identificar as necesidades que presenta a estrada, que soporta un elevado volume de tráfico. E que mellor maneira de facelo que da man dos propios veciños que mantiveron unha xuntanza cos técnicos na que lle transmitiron as súas demandas de cara a avanzar cara unha posible semipeonalización nalgún treito da vía.  Este proxecto forma parte dun plan integral para humanizar a estrada AC-305 ó seu paso por varios núcleos de poboación en toda a comarca. No que respecta a Boiro tamén está en estudo unha posible mellora da vía na zona de Escarabote.