Fin de semana de compras en Noia coa Feira Pop Up

NOIA> Coa presenza do alcalde, Santiago Freire, o edil de Comercio, Pepe Pérez, e a presidenta de Noia Histórica, Alba Expósito, este mediodía arrancaba de xeito oficial na alameda unha nova edición da feira Pop Up que a patronal noiesa adoita organizar a principios do mes de agosto, aproveitando a época de rebaixas e a presenza dun maior número de visitantes na localidade.

Nesta ocasión son 13 establecementos comerciais que participan, con importantes descontos en roupa e calzado.

Na xornada de mañá sábado, coa finalidade de incentivar as compras, celebrarase tamén un sorteo en directo de tres premios de 50 euros para trocar na propia feira.

Dende o Concello, que colabora coa iniciativa, destacaron a importancia deste tipo de eventos.

Ó longo da fin de semana  levaranse a cabo diversas actividades paralelas. Está prevista unha degustación de produto e demostración in situ de elaboración de sidra a cargo da empresa local Val do Traba, así como a actuación dun DJ.

A apertura da feira será de dez e media a dúas e media polas mañás e de seis a dez polas tardes