RIBEIRA> Localizada a pistola presuntamente empregada no intento homicidio desta pasada fin de semana, no que resultou ferido de gravidade un mozo marroquí de 27 anos. O equipo de operacións subacuáticas da Policía Nacional achou a arma este mediodía no fondo da dársena portuaria.
A primeiras horas desta mañá o grupo especial de operacións subacuáticas da Policía Nacional reanudaba a busca da arma de fogo empregada presuntamente no intento homicidio desta pasada fin de semana, no que resultou ferido de gravidade un mozo de orixe marroquí de 27 anos.
Ó contrario que onte, os resultados dos rastrexos realizados na zona portuaria máis próxima á rampla de varada existente no peirao si deron os seus froitos. Ó redor da unha da tarde, achaban unha pistola, unha Astra de 9 milímetros que puideron localizar grazas a un detector de metais e un gran imán cedido pola Armada.
Dende onte os mergulladores traballaban nesta zona convencidos de que os presuntos agresores arroxaran a arma ó mar dende o peirao antes de iniciar a fuxida cara Portugal, a onde non chegaron posto que foron detidos en Tui. Nas próximas horas está previsto que pasen a disposición xudicial no Xulgado de Instrución número 3 de Ribeira, que é quen instrúe a causa.
A vítima, que segue hospitalizada no CHUS de Santiago, parece ser que evoluciona favorablemente, dentro da súa gravidade, despois de que ser intervido para extraerlle a bala que lle afectara ó fígado e a un pulmón.
Mentres tanto dende o Concello seguen insistindo na necesidade de incrementar o número de efectivos da Policía Nacional. Segundo o alcalde, Manuel Ruíz, existía un compromiso do propio Ministro, Fernando Grande Marlaska, o día da inauguración da nova Comisaría de dotar de maior número de efectivos policiais a Ribeira.