As asociacións conmemoran os 25 anos da Operación Nécora cunha concentración

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/06xuno/12/aniversario_operacion_necora.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/06xuno/12/aniversario_operacion_necora.mp4{/flowplayer}

 

SALNÉS> Hai 25 anos que xustiza, autoridades e sociedade decidíronse a loitar abertamente contra o narcotráfico. Hoxe cúmprese xa un cuarto de século da madrugada na que o xuíz Baltasar Garzón facía desembarcar 350 policías na ría de Arousa. Daba comezo a Operación Nécora, que marcou un antes e un despois na loita contra o narcotráfico.

Hoxe, 12 de xuño de 2015, as asociacións seguen sen esquecer. Para conmemorar os 25 anos da Operación Nécora concentráronse ante o concello de Cambados, corazón da comarca que deixou devastada a lacra da droga.

Moitas das mulleres detrás da pancarta son as mesmas que se concentraban en cada redada. Son as nais contra a droga, as precursoras desa loita que empezaron, case sempre, polos seus fillos, e da que a sociedade se fixo partícipe trala Nécora.

Para elas, a operación supuxo unha luz de esperanza, que evitou que Galicia se convertera na Sicilia ou no México español. No macroxuízo sentaron 52 persoas na bancada. Nomes como Manuel Charlín ou Laureano Oubiña. Nas sentenzas, tres de cada catro foron condenados.

Pero advirten: moitos dos vellos clans continúan na ría.

Así as cousas, recoñecen que é moito o camiño andado. Tamén advirten de que queda moito que andar. A prevención é unha das bazas máis importantes para evitar que a historia se repita.

A Asociación e Fundación Érguete, Proxecto Home, Fundación Galega contra o Narcotráfico, Desperta Cambados e a maioría dos seus membros son caras coñecidas desta loita, que hoxe se volveron reunir para pedir á sociedade que non baixe a garda.