O exceso de auga doce obriga a aprazar a reapertura da campaña en Noia

NOIA> A confraría de Noia aprazará a reapertura da campaña ata mediados do próximo mes. A data prevista inicialmente para a volta ó traballo era o un de febreiro, a apertura da presa do Tambre provocou un exceso de auga doce nos bancos, o que debilita o marisco.

Os mariscadores de Noia deberán agardar para volver ó traballo. Tras unha campaña marcada pola caída das vendas, a escaseza de bivalvo e os continuos peches por mor da toxina, os profesionais tiñan xa ganas de volver novamente ós areais aínda que de momento non será posible.

A apertura das comportas da presa do Tambre, ante o exceso de caudal provinte das chuvias das últimas semanas, está a provocar un gran aporte de auga doce nas autorizacións da confraría. Tralas últimas medicións da salinidade, a confraría optou por retrasar, en principio 15 días, a reapertura da campaña prevista inicialmente para o 1 de febreiro. O motivo é que o bivalvo se atopa moi debilitado e, no caso de iniciar a actividade, pode darse unha alta mortaldade.

Pero non só esta situación está detrás do retraso na reapertura. dende a confraría constataron que existe moi pouca demanda no mercado motivada especialmente polo peche da hostalería.

Así as cousas, os preto de 1500 profesionais que viven do marisco en Noia permanecen á espera de saber cando volverán á actividade para retomar unha campaña que ata o mes de decembro supuxo unha facturación de case a metade ca no anterior exercicio.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí