As confrarías de Arousa Norte buscan acordos para iniciar a campaña da vieira

RIANXO> As confrarías de Rianxo e Ribeira buscarán acordo co resto das confrarías da ría e coa Consellería do Mar para iniciar a campaña da vieira. Pretenden buscar alternativas á evisceración a través doutras empresas para acabar co monopolio de Cambados. Os pósitos de Arousa Norte, con Rianxo e Ribeira á cabeza, levan tempo en conversas para desvincularse de Cambados e iniciar, pola súa conta, a campaña da vieira. Xa mantiveron contactos con varias empresas dedicadas á evisceración que, precisarían, da autorización de Mar para procesar á especie. Tamén será necesaria a realización de estudos para coñecer o estado en que se atopa o recurso en bancos como Cabío e Coroso, onde hai tempo que non se extrae. Pola contra en Rianxo seguen dedicándose á vieira ó redor dunha quincena de embarcacións pero todo o produto extraído comercialízase en Cambados.  Entenden que a apertura a novos mercados aumentaría a competitividade do produto que ó saír a subhasta podería incrementar a súa cotización.