O TSXG dá a maioría absoluta ao alcalde de Caldas de Reis

CALDAS> O socialista Juan Manuel Rey poderá gobernar Caldas con maioría absoluta. Tralas idas e vidas pola discusión sobre dúas papeletas que foran manipuladas e consideradas nulas pola Xunta Electoral Central nas eleccións do 24 de maio, finalmente unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia da a razón ao Partido Socialista.

O pronunciamento conclúe que o corte na parte inferior das papeletas non introduce ningunha dúbida sobre a intención do elector en dar o seu voto ao PSOE. Así, supón o sétimo concelleiro para a formación e, polo tanto, a maioría absoluta. O fallo é firme, aínda que o Partido Popular podería interpor un recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional. De tomar esta determinación, non afectaría ao pleno de investidura, previsto para o vindeiro 3 de xullo.