PONTEVEDRA> A provincia de Pontevedra quere converterse no primeiro territorio de España certificado como ‘destino intelixente’. Ese é o obxectivo principal que contempla o novo plan Estratéxico de Turismo, presentado esta mañá pola Deputación. O documento contempla máis de 250 accións para modernizar e dixitalizar un sector moi golpeado pola covid. O acto serviu, ademais, para avanza-la campaña que o ente provincial vai presentar en Fitur a semana que vén.
O Segundo Plan Estratéxico Provincial de Turismo engloba case medio cento de plans de actuacións e máis de 250 accións operativas, a impulsar de aquí ao 2023. Unha estratexia global a tódolos niveis co obxectivo de seguir modernizando e dixitalizando un sector moi afectado pola pandemia.
O conxunto de actuacións e estratexias que se contemplan neste plan perseguen a recuperación do sector nos vindeiros exercicios, logo do parón obrigado pola covid. Unha folla de ruta, di Carmela Silva, na que o sector público e o privado deben seguir camiñando da man.
Busca tamén lograr un reto: que a provincia de Pontevedra sexa recoñecido como o primeiro territorio do Estado como destino turístico intelixente.
O acto desta mañá serviu tamén para presenta-la campaña ‘É o teu momento’, coa que a Deputación participará en Fitur a semana que vén. Unha apelación directa a volver desfrutar do destino Rías Baixas, logo do parón deste último ano e medio. Unha chamada a volver viaxar á provincia de Pontevedra agora, que por fin chegou de novo o momento.