A Xunta de Galicia anima ao comercio local a recorrer ao Bono Remuda para garantir o relevo nos negocios

PONTEVEDRA> A Xunta de Galicia incide no seu apoio á continuidade do comercio local con programas como o bono remuda. Trátase dunha iniciativa dirixida a buscar o relevo xeracional neste tipo de establecementos. Hoxe o conselleiro de Emprego visitou a Ferretería Gallega, en Pontevedra, destacando tamén o seu modelo de atención personalizada.

Ferretería Gallega é un dos negocios unidos á imaxe do Casco Histórico de Pontevedra. En plena rúa Real, este establecemento cumpre 80 anos aberto.

Hoxe recibiu a visita do conselleiro de Emprego. José González puxo a súa traxectoria como exemplo do potencial do comercio de proximidade para dinamizar a economía local e reforzar a fixación de poboación.

A pesares da súa importancia, se a situación non muda nuns anos esta Ferretería Gallega enfrontarase a un problema común no pequeno comercio: o relevo xeracional. Neste sentido, o conselleiro referiuse ao papel que xoga o Bono Remuda para contribuír a manter abertos estes negocios.

González tamén se referiu a outras medidas do Plan estratéxico do comercio 2025-2030, como as axudas dotadas con case 4 millóns de euros para a dixitalización e innovación, a mellora da imaxe e a eficiencia e sostibilidade ambiental. Ademais, falou do impacto dos Bonos Activa Comercio, que se activarán proximamente.

Tamén en Pontevedra, González visitou o obradoiro Coiro Tres Pés, de Jonatan Sarachaga. El foi un dos asesorados nesta rede e vén de estrear nova etapa na rúa Cruz Vermella tras solicitar unha axuda do Bono Remuda para asumir o relevo da tenda Don Coiro.