O CETMAR instala unha boia na ría de Muros

    MUROS> O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR e os seus socios no proxecto RAIA.co teñen previsto ampliar a súa rede de observación oceánica transfronteiriza coa instalación dunha nova boia na ría de Muros. Únese así ás estacións xa existentes en Cortegada, na Illa de Rúa, en Rande, na Borneira, nas Illas Cíes e na Guarda. A posta en marcha deste novo aparello permitirá coñecer o estado do mar na ría de Muros-Noia, servindo de apoio ós labores de pesca e marisqueo que se veñen realizando habitualmente na zona. A nova boia, de máis de dous metros de diámetro e de tres metros e medio de alto, foi fondeada hoxe ó sureste de Muros. Disporá de sensores que recollerán datos tanto meteorolóxicos coma oceanográficos. A información recompilada por esta boia estará dispoñible en tempo real a través das páxinas web de INTECMAR e MeteoGalicia.