A primeira moción do BNG neste mandato reclama a festividade da Dorna

    RIBEIRA> O BNG de Ribeira presentou unha moción solicitando a declaración do 24 de xullo festivo local. Os nacionalistas respostan así a un clamor cidadá que leva anos reclamando que se marque en vermello no calendario o día da Dorna. O arraigo no pobo e a declaración de festa de interese turístico galego dende o ano 2005 son algúns dos motivos que levaron ó BNG para apoiar á Confraría da Dorna na súa reivindicación de que o 24 de xullo sexa festivo local. Esta mesma mañá presentaron no rexistro do concello unha moción solicitando que o día da dorna sexa declarado festivo de xeito permanente agás nos anos que coincida en domingo. Nos mesmos termos, piden ó concello que amose o seu apoio a esta festa izando a bandeira da Dorna na casa consistorial, tal e como farán os nacionalistas na súa sede.