Renacer anima á mocidade a construír un mundo sen drogas

    RIBEIRA> A asociación Renacer conmemorou en Ribeira o Día Internacional contra a Droga. Ademais do reparto de información, a entidade fixo un chamamento á mocidade para formular propostas que permitan construír unha oferta alternativa de ocio saudable. O obxectivo destas actividades que Renacer leva a cabo cada vinte e seis de xuño é concienciar á poboación sobre as nocivas consecuencias do consumo de drogas. Este ano centráronse fundamentalmente nos mozos, colectivo moi vulnerable segundo revela a cada vez máis tendencia a un consumo precoz. Os nenos e mozos que se achegaron ata a mesa informativa instalada na praza do concello realizaron as súas propostas que plasmaron en forma de carteis. Tamén os pais puideron realizar a súa achega para construír’Un mundo libre de drogas’ como reza o lema da campaña. Ademais das actividades desenvolvidas esta mañá, Renacer sumarase ós actos organizados pola Fundación Galega contra o Narcotráfico que se celebrarán este sábado en Boiro.