As mellores compañías profesionais de Galicia participarán na Mostra de Teatro de Ribeira

RIBEIRA> A compañía Sarabela Teatro arrancará, o próximo 27 de setembro, a Mostra de Teatro de Ribeira. A edil de Cultura, María Sampedro, era a encargada de presentar esta mañá en rolda de prensa o cartel da mostra, todo un clásico na programación cultural de Ribeira Nela inclúense un total de once representacións que terán lugar do 27 de setembro ó 5 de decembro.

As mellores compañías de teatro profesionais de Galicia entre as que se atopan Sarabela Teatro, Malasombra ou Redrum Produccións participarán este ano na Mostra de Teatro de Ribeira. En total serán once as representacións que se prolongarán do 27 de setembro ó 5 de decembro, cada venres no Auditorio Municipal a partir das 21.30 horas.

O prezo da entrada será de catro euros por función. Mais aquelas persoas interesadas  poderán, mercando un bono, reservar unha cadeira para toda a programación. Os bonos terán un custe de 25€ e poderán adquirirse do 5 de agosto ao 6 de setembro.

Dende o Concello destacaron a gran calidade das compañías que participan este ano na Mostra, así como tamén das obras representadas, todas elas nominadas nos premios Mestre Mateo e tres delas galardoadas.