RIBEIRA> Ribeira conmemorou hoxe o Día Mundial da Terra con diversas actividades que xiraron ó redor da figura de Odile Rodríguez de la Fuente, filla do famoso naturalista Félix Rodríguez de la Fuente, coñecido polo seu programa en TVE ‘El Hombre y la Tierra’.
Aínda así os actos previstos comezaron xa onte, cunha recepción oficial no Concello a Odile Rodríguez de la Fuente. Un acto, no que ademais das autoridades locais, participou a conselleira do Mar, Rosa Quintana. na súa intervención a bióloga tivo palabras de agradecemento para o Concello e de lembraza ó legado do seu pai, falecido hai xa 41 anos, do que destacou que cambiou a conciencia ecolóxica deste país.
Despois de asinar no Libro de Honra do Concello e recibir unha escultura simbólica do faro de Corrubedo, a comitiva de autoridades desprazouse ara a praza de España, onde se procedeu á inauguración dun mural no que se recrea a figura de Félix Rodríguez de la Fuente e que leva a sinatura da súa filla.
Os actos de conmemoración do Día Mundial da Terra tiveron continuidade esta mañá cunha charla-coloquio da propia Odile Rodríguez de la Fuente dende o CEIP de Frións que puido ser seguida polos distintos centros educativos do municipio via streaming a través da canle de You Tube do Concello. Xa pola tarde realizouse unha visita ó miradoiro de Pedra da Rá e á Illa de Sálvora.