Arrancan as festas de Boiro coa festividade de Corpus

    BOIRO> As rúas que compoñen o Camiño Real, nos arredores da igrexa de Santa Baia e a rúa Bao, espertaron cubertas das tradicionais alfombras florais elaboradas co gallo do Santísimo Sacramento. Como cada ano, a beleza das alfombras florais que cobren as rúas que compoñen o Camiño Real e a rúa Bao con motivo da celebración do Corpus, marcan o inicio das festas de verán da localidade. O segredo para que as alfombras luciran a súa mellor cara reside nas duras xornadas de traballo que os veciños dedican desinteresadamente a confeccionar estas efímeras obras de arte. O inmenso esforzo realizado polos veciños tivo a súa recompensa con este bo resultado xa que foron moitas as persoas que se achegaron na tarde de onte a contemplar a beleza das alfombras e participar tamén na procesión, animados polo bo tempo, que acompañou durante toda a xornada. A variedade de cores e motivos levantaron a expectación dos viandantes que un ano máis tiveron ocasión de disfrutar deste belo espectáculo que da a benvida ás festas de Boiro. Aínda así os festexos non terán continuidade ata o próximo venres. Ese día pola noite dende o balcón da casa consistorial terá lugar o pregón a cargo este ano da Sociedade Deportiva Abanqueiro, que cumpre vinte cinco anos dende a súa fundación. A partir de aí cinco días de actividades dirixidas a satisfacer a todo tipo de públicos, dende pequenos a maiores. A música será un dos pratos fortes dos festexos, da man das mellores orquestras de Galicia, que actuarán na Praza do Concello, así como tamén a musica tradicional con varios festivais. Outra das citas destacadas será o luns das peñas. Unha celebración que co paso dos anos vaia a máis e gana maior número de adeptos.