Tan só Boiro e Ribeira contarán con socorristas a partir do un de xullo

    RIBEIRA> A pesar da vaga de calor que estes días afectou a Galicia son poucas as praias que teñen xa servizo de vixilancia. Algúns concellos do Barbanza, como Ribeira e Boiro, contarán coa presenza de socorristas nos seus areais a partir deste mércores. Como xa é habitual, os concellos máis madrugadores inician o servizo de socorrismo nos areais o un de xullo. Isto no mellor dos casos xa que o retraso na confirmación das subvencións para a contratación do persoal fai que moitos concellos teñan que pospoñer a dotación de efectivos ata mediados de mes. Esta fin de semana detectáronse numerosas incidencias nos areais barbanzáns que rexistraron unha gran afluencia de bañistas debido ás altas temperaturas. Para minimizar os efectos, algúns concellos botaron man dos voluntarios de protección civil. Sen embargo non será ata mañá cando os profesionais comecen a prestar os seus servizos. No caso de Ribeira, renunciar ás bandeiras azuis das praias da vertente atlántica permitiu destinar máis fondos e recursos á dotación destes servizos garantindo a presenza de socorristas en boa parte dos areais do municipio. Mentres tanto, outros concellos da comarca non teñen garantida a presenza de vixilantes ata, alomenos, a fin de semana. e, en moitos casos, non se iniciou aínda o proceso de contratación.