A POBRA> Congalsa e a Universidade de Santiago buscan novas vías de colaboración no campo da innovación e da ciencia. A reitora da institución visitou a sede da empresa no polígono da Tomada. para coñecer de primeira man os procesos produtivos e os proxectos de investigación desenvolvidos pola firma pobrense.
A reitora da Universidade de Santiago, Rosa Crujeiras, desprazouse esta mañá ás instalacións de Congalsa na Pobra no marco dunha visita institucional para reforzar a colaboración entre universidade e empresa.
A máxima responsable da institución universitaria destacou a aposta de Congalsa pola ciencia e innovación e comprometeuse a buscar novas vías de colaboración para o intercambio de coñecemento co estudantado e persoal investigador.
A innovación é un dos piares básicos sobre os que se asenta a estratexia de crecemento do Congalsa durante as últimas décadas. A compañía conta cun comité científico integrado por expertos en nutrición e profesionais no campo do I+D+I para o desenvolvemento de novos produtos baseados na evidencia científica para garantir a máxima excelencia e calidade.











