Rescatan en helicóptero a unha menor que caeu nas piscinas do río Pedras

POBRA> Os equipos de emerxencias tiveron que acudir onte pola tarde ata a zona das piscinas do río Pedras, na Pobra do Caramiñal, para auxiliar a unha menor que se atopaba na zona e que sufriu unha caída. As dificultades de acceso ó lugar no que se atopaba fixo necesaria a intervención do helicóptero do Pesca I.

Non é nada novo. Non hai verán no que os equipos de emerxencias non teñan que acudir á zona do río Pedras, na que se atopan as coñecidas piscinas naturais, para realizar algún que outro rescate de persoas a consecuencia de caídas ou esvaramentos, que en moitos casos acaban cun resultado tráxico.

As dificultades que teñen os equipos de emerxencia para acceder ó lugar, non hai acceso rodado para os vehículos, fai dificultoso o rescate, e, en moitas ocasións, é necesario ter que mobilizar ó helicóptero.

E iso foi o que aconteceu novamente na tarde de onte. Este é o momento no que o o Pesca 1, o helicóptero do Servizo de Gardacostas, coa axuda dos equipos de bombeiros dos parques de Boiro e Ribeira, proceden ó rescate da menor, que sufrira momentos antes unha caída.

No operativo de rescate tamén participaron Garda Civil e Policía Local e Protección Civil da Pobra.