A conselleira do Mar coñece o cocedeiro de OPMEGA en Cabo de Cruz

BOIRO> A conselleira do Mar, Marta Villaverde, achegouse esta mañá a Boiro, para visitar as instalacións da planta de cocción que a Organización de Produtores de Mexillón de Galicia, OPMEGA, ten en Cabo de Cruz.

Alí puido comprobar de primeira man o traballo que desenvolve esta organización, unha das máis representativas do sector mexilloeiro, que integra a máis de 500 bateas, a maioría delas na ría de Arousa.

Na súa intervención destacou precisamente a importancia deste sector, un dos piares da nosa economía.

Na visita a titular de Mar ratificou o compromiso coa miticultura galega, líder europeo en produción e exemplo de sustentabilidade.

Segundo ela a valorización do produto nos mercados e o apoio á cadea mar-industria seguen a ser prioridades estratéxicas para asegurar a rendibilidade e futuro desta actividade extractiva nas rías galegas.