Ribeira acolle este sábado a IX Regata Gadis

    RIBEIRA> O Náutico de Ribeira organiza este sábado a novena edición da Regata Gadis. Unha vintena de embarcacións daranse cita nesta proba que presenta un percorrido costeiro dunhas dezasete millas. Por noveno ano consecutivo, a empresa GADISA e o Club Náutico de Ribeira colaboran para poñer en marcha unha regata de cruceiro pola ría de Arousa. A cita será este sábado a partir das dúas da tarde cando unha vintena de embarcacións tomen a saída dende a enseada de Coroso. As previsións meteorolóxicas apuntan a ventos de compoñente norte con intensidade de entre doce e quince nós polo que se prevén unha regata rápida. Unha vez concluída, ó redor das oito da tarde, celebrarase a entrega de trofeos. GADIS colabora con esta iniciativa dentro da súa política de responsabilidade social na que o deporte ocupa un lugar destacado.