O Centro de Formación de Boiro habilita novos módulos para atención socio-sanitaria

BOIRO> Tras realizar un estudo sobre as áreas de maior demanda de emprego no Barbanza, o concello de Boiro habilitou novos módulos no centro de formación de Espiñeira. As instalacións contan agora cunha enfermería e unha área que reproduce un domicilio para impartir cursos relacionados coa asistencia sociosanitaria. Unha vez rematadas as obras, estes novos equipamentos están en proceso de homologación. O concello xa ten solicitados varios cursos e obradoiros, non só en materia de asistencia, senón tamén na rama de hostalería posto que tamén se teñen acometido melloras na cafetería. Estes investimentos súmase ós realizados con anterioridade polo executivo neste centro que permitiron desenvolver xa varios cursos de xardinería e cociña.