NOIA> A Conselleira de Medio Ambiente e o alcalde de Noia asinaron esta mañá un convenio para a humanización e mellora da praza das Américas en San Lázaro. A Xunta destinará máis de oitenta mil euros a este proxecto.
A praza das Américas rexistra a diario un denso volume de tráfico así como de peóns debida á súa estratéxica ubicación como conexión entre San Lázaro e o casco histórico. De aí, a necesidade de reordenar a circulación e o espazo de estacionamento dotando á zona de maior seguridade viaria.
A través da sinatura deste convenio a Consellería achegará oitenta e dous mil euros para a execución das obras, que se licitarán ó longo do mes de marzo. Paralelamente, Medio Ambiente traballa tamén noutro proxecto en Noia para mellorar a contorna do río Traba coa construción dunha senda fluvial.
A tramitación deste proxecto aínda non está tan avanzada como o de San Lázaro pero dende a Consellería estiman que as obras poderían estar en marcha durante o verán.