As carrilanas de Esteiro aspiran a ser festa de interese turístico nacional

    MUROS> Esteiro prepárase para a súa gran cita festiva do verán. A vixésimo oitava edición do Gran Prix de Carrilanas volverá atraer a miles de visitantes ata a localidade muradá esta fin de semana. Un motivo máis para acadar a declaración de festa de interese turístico nacional que levan anos solicitando. A localidade muradá quenta motores para acoller un dos eventos máis multitudinarios do concello. O gran premio de Carrilanas que este ano acada a súa vixésimo oitava edición volverá encher a vila de miles de fieis a esta cita que destaca pola súa orixinalidade. Aínda que a carreira é o acto central, o gran premio conleva toda unha serie de celebracións que arrancarán xa o venres cos adestramentos oficiais e a verbena amenizada polas orquestras Costa Oeste e Amistade. O sábado, trala sesión vermú coa orquestra Podium, terá lugar a carreira de clasificación para decidir a orde de saída dos participantes. Pola noite a música volverá da man da discomóbil Factory. Xa o domingo terá lugar a gran carreira, con tres categorías para que poidan participar tódolos públicos. Ó remate, terá lugar a entrega de trofeos e unha degustación gastronómica regada co viño Marqués de Vizhoja, patrocinador oficial da festa.Precisamente, o obxectivo principal dos patrocinadores e da organización é conseguir o recoñecemento de festa de interese turístico.