Ribeira anima á lectura coa súa I Feira do Libro

    RIBEIRA> Ribeira sumase este ano ó circuíto de feiras do libro da Federación de Libreiros de Galicia. A capital do Barbanza acollerá este evento entre o dezaseis e o dezaoito de xullo. Contará, nesta primeira edición, coa participación de catro librerías e unha editorial. Ribeira conta dende hai anos con numerosas actividades e programas encamiñados ó fomento da lectura. Sen embargo, será este verán cando se estree cunha feira do libro. Desenvolverase entre o dezaseis e o dezaoito deste mes e nesta primeira edición contará con catro librerías e unha editorial. Os expositores dos cinco participantes instalaranse na praza do concello xunto cunha caseta de información e consulta e un espazo de lectura, dedicado especialmente ós nenos. A inauguración da feira terá lugar o xoves co pregón a cargo da escritora Iolanda Castaño. A partir de aí, obradoiros, presentacións de libros, monólogos e actividades de animación á lectura desenvolveranse durante toda a fin de semana. Unha fin de semana que se prevé moi concorrida xa que coincide con varias celebracións na vila. Tras esta primeira edición, a Federación de Libreiros de Galicia agarda que a feira do libro de Ribeira poida seguir consolidándose coa participación de máis librerías, especialmente das locais. Tódalas vendas terá un dez por cento de desconto e sortearanse libros entre as compras superiores ós quince euros. O sábado realizarase tamén o sorteo dunha estancia para dúas persoas nun balneario da cadea Caldaria.