SANTIAGO> O Chicle nega o intento de rapto da moza de Boiro en Nadal de 2017. José Enrique Abuín asegura que unicamente intentou roubarlle o teléfono móbil e explicou que saíra da casa para roubar gasóleo. Hoxe foi a primeira xornada de xuízo por estes feitos, que recordemos desencadearon a súa detención polo asasinato de Diana Quer.
José Enrique Abuín sentou por primeira vez na bancada dos acusados. Hoxe arrincou o xuízo polo intento de rapto da moza de Boiro en Nadal de 2017. O Chicle negou as acusacións, insistiu en que esa noite saíra da casa coa intención de roubar gasoil, e que unicamente intentara roubarlle o móbil á vítima.
Segundo o relato da moza, O Chicle chegara a sentala no interior do maleteiro do vehículo, que identificou como o Alfa Romeo gris do acusado. Este coche sería sinalado despois polas pesquisas do caso polo asasinato de Diana Quer como o que empregou Abuín Gey para trasladala á nave de Asados na que se atopou o cadáver. El negou que intentara meter á moza de Boiro no vehículo. Tamén asegurou non recoñecer a súa voz nun audio que gravara a vítima no momento do presunto intento de rapto.
Na sesión desta mañá declarou tamén a vítima. Protexida por un biombo, non dubidou en identificar a José Enrique Abuín como o home que presuntamente intentou raptala. Asegurou que chegou a temer pola súa vida e que os feitos do 25 de decembro de 2017 cambiáronlle a vida.
O Chicle está acusado dun delito de detención ilegal, dun intento de agresión sexual, roubo con violencia e intimidación en grao de tentativa, un delito de ameazas e outro de lesións. A Fiscalía solicita unha condena de 15 anos e 10 meses de cadea.