RIANXO> Rianxo acollerá esta fin de semana unhas xornadas formativas para voluntariado en deportes náuticos. Os asistentes recibirán un título que os habilita para participar na organización e desenvolvemento de probas deportivas no mar con seguros e desprazamentos cubertos pola Federación Galega de Piragüismo.O amplísimo calendario de probas náuticas que teñen lugar durante o verán en Galicia xunto co endurecemento dos requisitos para garantir a seguridade no seu desenvolvemento levou á Federación Galega de Piragüismo a tecer unha rede de voluntariado profesional. Tras unha primeira sesión en Pontevedra, as xornadas formativas recalarán esta fin de semana en Rianxo.
Os participantes recibirán a formación en materia de salvamento acuático e en terra así como primeiros auxilios que os habilita profesionalmente para colaborar nos dispositivos organizativos e de seguridade, contando ademais coa cobertura de gastos de desprazamento e seguros por parte da Federación Galega.
Tralo curso de Rianxo desenvolveranse nas próximas semanas outras sesións nas provincias de Ourense e Lugo e, por último, unha xornada en Verducido na que poderán sacar o título de patrón de embarcación.











