Arranca en Rianxo a terceira edición da Feira do Libro

    RIANXO> A actividade organizada pola Federación de Librarías de Galicia prolongarase ata o próximo domingo con múltiples actividades dirixidas a satisfacer todo tipo de públicos. Na praza Castelao, coa presenza das autoridades, entre as que se atopaban o propio alcalde, Adolfo Muíños, este mediodía arrancaba a terceira edición da feira do Libro de Rianxo, unha actividade organizada pola Federación de Librarías de Galicia, que se está a converter xa nun referente cultural na vila. A escritora Helena Villar Janeiro foi a encargada de dar lectura o pregón co que se daba tamén a apertura ós diferentes estánds. Na edición deste ano participan librerías de Santiago, A Coruña e a Pobra do Carmiñal, así como tamén dúas da localidade, a libraría Cándido e a libraría Ben. Durante os catro días que vai durar a feira realizaranse máis dunha ducia de presentacións e sinaturas de libros. Estarán tamén presentes varios escritores como é o caso de Xurxo Souto, Ledicia Costas, Xosé Ricardo Losada e Antonio Piñeiro entre outros, que aproveitarán a feira para presentar os seus últimos libros. Á par da feira desenvolveranse tamén outras actividades como sesións de contacontos, actuacións musicais. Como é habitual, as compras de libros terán un 10% de desconto e realizaranse sorteos diarios de lotes de libros entre os participantes que realicen adquisicións superiores a 15€. O sábado sortearase un lote de libros e unha estancia para dúas persoas nun balneario do Grupo Caldaria. O horario da feira será de doce a dúas da tarde, na fin de semana ata as dúas e media, e polas tardes de seis e media a dez e media da noite.