O concello da Pobra introducirá cambios no sistema de xestión de multas

    POBRA> O concello da Pobra estuda cambiar o sistema de xestión de multas. Actualmente, dúas empresas encárganse de prestar este servizo cobrando unha elevada porcentaxe. O executivo non descarta a posibilidade de que persoal do concello asuma estas competencias. A polémica sobre a xestión das multas no concello da Pobra xurdía o pasado xoves coa aprobación no pleno dunha modificación das partidas orzamentarias para o pago ás empresas que xestionan este servizo. O alcalde aclarou que se tratou simplemente dun trámite para facer efectivo o pago a estas empresas ó que o concello está obrigado. De non ser así implicaría consecuencias negativas para as contas municipais. A obriga de pagar a estas dúas firmas que na actualidade seguen a prestar servizos ó concello non implica, sen embargo, que o executivo manteña unha liña continuísta. Pola contra, están a estudar un modelo alternativo da xestión das sancións de tráfico. Será a partir de setembro, ó rematar o contrato cunha das empresas, cando se artellen as novas fórmulas e se saque a licitación o contrato con Reciges xa que presenta irregularidades. Dende o novo executivo insisten na necesidade de garantir a seguridade do tráfico pero valorarán a idoneidade das medidas e dispositivos que se atopan en servizo na actualidade.